Saturday 04 de May de 2024

Inés Rey presenta o proxecto das 50 vivendas de alugueiro social que construirá o Concello en Xuxán


A XGL aprobou o proxecto de construción dunha glorieta no cruzamento da avenida de Fisterra coa rúa Gambrinus para mellorar a seguridade viaria

Aprobado o proxecto de execución da restauración da Casa da Veeduría, que terá un orzamento de case 3 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local celebrada este mércores aprobou a solicitude ao Instituto Galego da Vivenda e Solo da cualificación como vivendas de promoción pública do proxecto de vivendas promovidas polo Concello no barrio de Xuxán. En total, son 50 vivendas que cumpren cos maiores estándares de sostibilidade e contarán co certificado correspondente.

“Hoxe podo adiantar que o proxecto do edificio xa está listo, o que nos permitirá licitar a obra este mesmo ano”, apuntou a alcaldesa Inés Rey na rolda de prensa na que deu conta dosasuntos tratados durante a XGL. O proxecto encargado polo Concello e xa finalizado, especifica que no edificio haberá vivendas de 2 e 3 dormitorios, na súa maioría con terraza, e hortos individuais de 2 metros cadrados na cuberta para uso dos residentes. As vivendas darán a dúas rúas, favorecendo a ventilación cruzada, e deseñarase tamén unha praza axardinada dentro da parcela cun aparcadoiro para 50 bicicletas, unha por vivenda. No proxecto, como sinalou Inés Rey, hai previstas tamén varias vivendas adaptadas e un axardinamento vertical na fachada do edificio que contará con plantas e árbores autóctonas regadas mediante un sistema de aproveitamento da auga da chuvia.

“O noso obxectivo é que estas novas vivendas se incorporen ao parque de vivendas municipais en réxime de alugueiro cumprindo co noso compromiso de incrementar o parque de vivendas públicas”, apuntou Inés Rey.

Por outra banda, a XGL tamén aprobou a construción dunha rotonda no cruzamento da avenida de Fisterra coa rúa Gambrinus. Tratarase dunha glorieta de 28 metros de diámetro exterior, con dous carrís de 4,5 metros desde a avenida de Fisterra e un carril de entrada e outro de saída en Gambrinus. O orzamento desta obra ascende a 390.500 euros e terá un prazo de execución de seis meses. “Damos este paso para cumprir co noso compromiso de mellorar a seguridade viaria na zona tras o tráxico accidente que costou a vida no Nadal de 2020 a Toño e a Pilar, tal e como nos comprometemos no seu momento coa familia”, sinalou Inés Rey. O Goberno municipal atópase á agarda de que a Xunta, titular desa vía, ceda a avenida ao Concello, cesión que solicitiou o pasado mes de agosto e para a que aínda non
hai resposta.

A XGL aprobou tamén o proxecto de execución da restauración da Casa da Veeduría tras recibir a notificación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana da concesión de 1,28 millóns de euros de axuda para a rehabilitación. A actuación terá un custo total de 2,9 millóns de euros. “Ademais de recuperar este edificio histórico e de enorme valor patrimonial, contribuirá á dinamización da Cidade Vella coa dotación de novos servizos”, dixo Inés Rey. A obra permitirá a instalación dun centro de día, máis espazo para o centro cívico na planta baixa, unha sala de exposicións, cafetaría, unha sala de estudos e un auditorio. Ademais de oficinas municipais.

Licenzas e outros asuntos
No que respecta ás licenzas, a XGL autorizou a licenza para a construción dun almacén e dun edificio auxiliar de dúas plantas na rúa José María Rivera Corral, nas instalacións da empresa Hijos de Rivera. Ademais, autorizouse o inicio das obras de modificación do edificio do centro comercial Dolce Vita, sito no polígono de Agrela, para implantar e desenvolver de novo actividade comercial co proxecto Breogán Park. “Será unha actividade que contribuirá a dinamizar a actividade comercial e a volver dar vida a unha infraestrutura xa construída e agora en desuso na cidade”, sinalou Inés Rey.

Por outra banda, aprobouse a convocatoria de subvencións destinadas a interese social en materia de igualdade e diversidade. Son 150.000 euros que se concederán para o fortalecemento do movemento asociativo nestes ámbitos e para a posta en marcha de actividades de prevención das violencias machistas, atención ás vítimas e accións de defensa do colectivo LGTBQI, así como actividades de promoción da igualdade de xénero.

No ámbito deportivo, aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria de bolsas deportivas para deportistas individuais por importe de 120.000 euros. O Concello concederá 90 bolsas, o dobre que hai un ano, e aumentará o número de bolsas destinadas a participar nos campionatos de España e de Galicia, coa intención de chegar a máis deportistas. Desta forma, concederanse 10 bolsas de 3.500 euros para participar en campionatos do mundo, 10 bolsas de 2.500 euros para campionatos de Europa, 25 bolsas de 1.500 euros para probas nacionais e 45 bolsas de 500 euros para campionatos autonómicos.

Por último, Inés Rey destacou que a XGL segue avanzando na constitución do operador enerxético municipal acordado coa Marea Atlántica. No día de hoxe aprobouse a composición da Comisión Técnica de Estudo para o exercicio dunha iniciativa económica municipal enmarcada no contexto da transición enerxética e do cambio climático.